Monday 06 de May de 2024

Dez siluetas para representar os principais dereitos dos nenos e nenas no quinto Pleno Infantil do Concello de Boqueixón


O alumnado de 5º e 6º de EP do CPIP Antonio Orza Couto presentaron as súas peticións e suxestións ao alcalde, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Servizos Sociais, Ana Seijo

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria do CPIP Antonio Orza Couto protagonizou, por quinto ano consecutivo, o Pleno Infantil do Concello de Boqueixón. Unha iniciativa, virtude dun convenio asinado con Unicef e organizada polo Departamento municipal de Servizos Sociais, coa que se conmemora o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e Nenas.

A sesión foi presidida polo alcalde, Manuel Fernández Munín, e pola concelleira de Servizos Sociais, Ana María Seijo. As cadeiras dos e das edís da Corporación municipal estiveron ocupadas polas cativas e cativos de 6º. Encargáronse de presentar os catro principios sobre os que se establece a Convención dos Dereitos dos Nenos e Nenas: a primacía do interese superior da persoa menor de idade, a garantía de supervivencia, o pleno desenvolvemento e a participación infantil.

Ademais, dez escolares resumiron en 10 os principais dereitos infantís que representaron a través doutras tantas siluetas de nenos e nenas, que levaron á súas costas. Estas creacións realizáronse nas aulas utilizando distintas técnicas de manualidades.

Tras esta parte expositiva, o alumnado participante no Pleno Infantil tamén utilizou a quenda de rogos e preguntas para poñer de manifesto as súas inquedanzas. Entre elas, atópanse as peticións de arranxos de marquesiñas no municipio, a mellora de certas zonas deportivas ou a ampliación da biblioteca do CPIP Antonio Orza Couto.

Unhas ideas das que tomaron boa nota tanto o rexedor coma a concelleira. “As vosas opinións axúdannos a facer un municipio mellor e máis axeitado aos vosos intereses. Tentaremos dar resposta ao maior número posible das vosas peticións”, indicou o alcalde, Manuel Fernández Munín.